quarta-feira, fevereiro 13, 2013

UN HOME - Manuel Rivas


Aprendeu a escribir no servicio militar.
A raia da súa sinatura
risca como unlla que suca o xeo
no parabrisas dun tractor.
Pono nervioso o teléfono,
ese estraño que entra sen chamar á porta,
con zapatos de cidade,
e que o can non cheira.
Falar fala moi pouco.
A vida comeulle as palabras
ao tempo que agrandaba as mans
Esas mans cavaron pozos e sostiveron tellados.
Nesas circunstancias cómpre ter a boca ben pechada.
Pero nin sequera así é capaz de ver matar o porco,
a única carne que lle gusta, mellor se está torrada.
O viño ten que ser barato,
e entón, cando o bebe en longos grolos,
penso que lle axuda a tragar
unha historia que xamais contará.
Cando mira o lume das achas na cheminea,
vai nun tren que atravesa a neve.
Colleríao da man, porque é o meu pai,
pero abráiano tanto as mostras de agarimo
como o aire dun lobo.

Sem comentários: